Toxoaventuras nos institutos: IES SAN PAIO

O pasado luns día 11 tivemos a nosa primeira #toxoaventura no IES San Paio de Tui. Foi unha xornada moi divertida na que dividimos ós rapaces por cursos en dúas quendas de arredor de 50 nenos para realizar unha pequena proba de Orientación no terreo do propio Instituto.

Neste tipo de actividades o que facemos e cartografar o colexo e os seus arredores e logo deseñamos a carreira con percorridos diferentes, adaptándonos sempre ao nivel dos participantes. Son distancias curtas, entre 1 e 2 km, nas que, coma sempre, é moi importante a concentración. Os rapaces están en igualdade xa que non só depende da velocidade ou condición física: de pouco vale correr moito e chegar antes se non se fai ben o percorrido marcado.  Ou como din as avoas: máis vale facelo “despaciño e con boa letra!”.

O clima acompañounos e en pleno Febreiro tivemos sol e unha moi boa temperatura, o que fixo que a actividade fose todavía máis agradable para os chicos e chicas de Tui.

Antes de comezar tivemos unha pequena charla na que explicamos en qué consiste a Orientación (aínda que a súa profesora Amalia xa lles contara un pouquiño). Neste punto, o que queremos é sobre todo destacar algúns detalles e consellos que seran moi importantes á hora de desenvolver a proba: o funcionamento das tarxetas e das estacións, o triángulo de saída, a importancia de fixarse nos números dos controis, os bucles…

Unha vez rematada esta pequena explicación repartimos as tarxetas que identifican a cada un dos rapaces e rapazas participantes e que nos contarán, a posteriori, cal foi o percorrido escollido e o tempo empregado. Nada máis, entrega de mapas e comeza a aventura!

Para os alumnos e alumnas do instituto foi unha xornada moi diferente a habitual na que o pasaron ben e disfrutaron do espazo do colexo (ao que están tan acostumados) dun xeito ben distinto.

Este tipo de eventos achégalles a Orientación, un deporte minoritario aínda bastante descoñecido que se practica ó aire libre, priorizando o contacto coa natureza e que non só fomenta a actividade deportiva se non que tamén require de cabeza para a toma de decisións…

E ti? Xa probaches?

WhatsApp chat